Noticia

05 Nov

Monseñor Barrio: “O Camiño de Santiago foi dende os seus inicios un camiño de fe”

Núñez Feijóo: “Galicia seguirá impulsando unha das xoias do seu patrimonio, as rutas xacobeas”

O Códice Calixtino forma parte do Rexistro da Memoria do Mundo

O arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Julián Barrio, asegurou  que a Igrexa “compostelana quere seguir sendo compañeira de viaxe para a humanidade” no acto institucional no que se agradeceu que o Códice Calixtino forme xa parte do Rexistro da Memoria do Mundo. O acto desenvolveuse na Sala Capitular da Catedral de Santiago, o que  asistiu, entre outras personalidades,  o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o deán da Catedral, Segundo Pérez.Neste acto de celebración da inclusión do Códice Calixtino no Rexistro da Memoria do Mundo, da UNESCO, o arcebispo agradeceu “ás nosas autoridades autonómicas da Xunta de Galicia e ás demais persoas do Consello Xacobeo as xestións realizadas para ese efecto” e lembrou que “o Camiño de Santiago foi dende os seus inicios un camiño de fe e, ao mesmo tempo, un camiño de cultura, separadamente doutras connotacións. O peregrino xacobeo é viaxeiro do sagrado e transmisor de saberes, contribuíndo eficazmente á construción da nova Europa do Espírito, que ten a súa referencia espiritual nos seus principios morais e sociais, culturais e artísticos como tamén de pensamento”.“Se a tumba do Apóstolo”, dixo monseñor Barrio, “é a estrela que orienta no peregrinar, o Códice Calixtino describe o itinerario para chegar á meta. Máis aló do inapreciable valor cultural, está o valor espiritual para o Feito Xacobeo. A fe, facéndose historia nos homes, converte así mesmo en cristiá a cultura”.Pola súa banda, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, valorou o recoñecemento internacional do Códice Calixtino que, segundo aseverou, facilita a conservación do documento e o acceso universal a el. “Hoxe, estamos ante unha gran nova para os galegos, para os europeos e para o mundo”, abundou.

.
Núñez Feijóo asegurou que Galicia seguirá impulsando unha das xoias do seu patrimonio e atractivo turístico: as rutas xacobeas. E, ao respecto, aseverou que hoxe o Camiño dispón dunha completa estratexia para mellorar a experiencia dos peregrinos –o plan director. “Estase actuando na mellora dos bens de interese cultural das rutas xacobeas e na rehabilitación integral da Catedral”, suliñou.

Artículos Relacionados