Arroupa investirá 3,5 millóns nunha nave no Tambre na que tratar 10.000 toneladas ao ano
O obxectivo é conseguir unha maior superficie de almacenamento
O espazo de traballo do novo local terá 2.632 metros cadrados
Cáritas preve ampliar nunhas 25 persoas o cadro de persoal de inserción social
Ana Triñans(El Correo Gallego)
Arroupa é o proxecto de Cáritas Diocesana de Santiago para a inserción laboral de persoas en risco de exclusión social. Trátase dunha iniciativa de recollida e clasificación de roupa usada para a súa posta á venda, con prezos asumibles e vales de compra para as persoas nunha situación económica de alta vulnerabilidade. A súa pranta de clasificación está no polígono do Tambre (rúa Isaac Peral) pero agora encara un novo proxecto, a construción dunha nave máis grande, nunha parcela da Vía Pasteur de case 4.500 metros cadrados.
Isabel Fraga é a xerente de Arroupa, e explicou para EL CORREO GALLEGO o detalle do novo proxecto de nave, que terá un custo superior aos 3,5 millóns de euros, e que vai poder tratar como mínimo 10.000 toneladas de roupa ao ano ademais de aumentar o cadro de persoal, que conta agora con 33 postos de inserción, en 25 persoas máis. “Ata agora Arroupa procesa arredor de 5.000 toneladas de roupa ao ano, coa nova nave poderemos clasificar e almacenar, como mínimo 10.000 toneladas e mesmo poderá chegar ás 20.000 toneladas de residuo téxtil”.
A importancia deste proxecto radica no seu valor social pero tamén ten un alto contido ambiental, pois segue os postulados das 3 R: reducir, reutilizar e reciclar. “A recollida selectiva en Galicia está arredor do 10,12% no que se refire a roupa”, explica Isabel Fraga, “moi lonxe dos obxectivos europeos para 2025”, xa que a Unión Europa fixou a meta de reutilizar o 55% dos residuos téxtiles o ano que vén, aumentando até o 60% en 2030 e acadando o 65% no ano 2035.
Este interese ambiental e a razón de ser de Arroupa en canto á reciclaxe de artigos téxtiles obriga tamén, atendendo á Lei 7/2022 de residuos, a elaborar un proxecto de avaliación do impacto ambiental que pode carrexar a construción dunha nova nave. Non porque se trate dunha actividade que xere contaminación ou residuos, senón para dar conta de non estar afectando a súa ubicación a ningún parque natural ou zona protexida, como así é o caso.
Neste estudo, elaborado polos enxeñeiros técnicos Gude e González Casanova, certifícase que a nova nave non ten nas proximidades ningún parque ou reserva natural, nin afecta a especies protexidas (sexan aves, mamíferos, invertebrados ou peixes continentais) xa que a presenza destas na área é “altamente improbable”. Pero sobre todo é un bo documento para coñecer polo miúdo o procesado do refugallo téxtil que efectúa Arroupa.
Un procesamento que se efectúa en 8 pasos e que en ningún deles emprega líquidos contaminantes. En primeiro lugar, á nave chegan residuos téxtiles recolectados a través dos colectores que Cáritas ten, non só en Santiago capital, senón noutros concellos da diocese. Unha vez alí pésanse e clasifícanse, separando en primeiro lugar todos os residuos non téxtiles (plásticos, cartón, papel…), que se derivaran á pranta de reciclaxe municipal, do resto da roupa.
A hixienización de todo aquilo que pode ser reutilizado faise empregando ozono, evitando o uso de líquidos e o proceso de lavado, secado e planchado, máis custoso e tamén con maior risco de contaminación. En canto todo está listo para levar ás tendas, os traballadores etiquetan as prendas poñéndolles o prezo (o custo medio dunha prenda de Arroupa está nos 4,8 euros) e compáctase para conseguir unha redución do volume e unha maior eficiencia no transporte da roupa.
As tendas de Arroupa
O establecemento comercial de Arroupa en Santiago está situado nas Casas Reais (número 6), pero conta tamén con tendas en Arteixo, A Coruña e Pontevedra. “Están abertas ao público xeral”, explica Isabel Fraga, “e por exemplo en Compostela hai un elevado número de clientes que son turistas”.
A xerente de Arroupa insiste en destacar que estas tendas están só dedicadas “á venta, non á recollida de roupa” e coa atención “aos colectivos máis vulnerables” e ano pasado atenderon só en Compostela máis de 300 unidades familiares. “Buscamos tamén dignificar a entrega das axudas”, conta Isabel Fraga, por iso, máis alá dos prezos o proxecto réxese a través da entrega de vales, “ninguén ten que saber como pagas”.
Recolllida, hixienización e posta á venda
- Toneladas de residuo téxtil: En 2023, tan só en Santiago a través dos colectores instalados na rúa, Arroupa recolleu 396.000 kg de roupa. A cifra total de recollida en toda a diocese está nas 5 toneladas.
- Hai distribuídos pola cidade 36 colectorespara a recollida de roupa, 218 en toda a diocese de Santiago.
- Na nova nave no polígono do Tambreprevese o tratamento de 10.000 toneladas de roupaao ano, e estímase que se poderá chegar ás 20.000.
- Para clasificar e hixienizar a roupa na nave que queren construír na Vía Pasteur, aumentarase a man de obra que agora integra o cadro de persoal de Arroupa, pasando de 33 a preto de 60 empregados.
- A parcela na que se levantará a nova nave conta cunha superficie total construída de 3.193 metros cadradose distribuirase en dúas prantas, cunha área ocupada de 2.632 metros cadrados e 1.584 metros no exterior.
- O proxecto Arroupa é, ademais dunhainiciativa de inserción laboral que prima a sostibilidadenos seus procesos, unha proposta de “dignificación” na entrega de axuda aos colectivos vulnerables. Só en 2023, atenderon en Santiago a 306 familias en risco de exclusión.
- Como funcionan as tendas? Logo de pasar pola pranta de clasificación de Arroupa as prendas pasan ás tendas (en Santiago -Casas Reais, 6-, Pontevedra, Arteixo e A Coruña). Uns establecementos abertos ao público xeral de luns a venres en horario de mañá e tarde e os sábados só de mañá. As prendas teñen un prezo medio de 4,80 euros e nelas practícase “a entrega digna” a través dispensa de vales ás persoas nunha situación económica de maior vulnerabilidade.