MIGUEL FERNÁNDEZ “ALBA DE COMPOSTELA”
Ao voluntario de Cáritas “polo seu labor constante e continuado de acompañamento nos procesos de integración da poboación migrante”
Con motivo do día de Santiago, o Concello rendeu homenaxe a catro persoas que “son motor de futuro, que son fortuna para todas nós, que son pezas fundamentais para que este concello sexa máis xusto, máis igualitario”, como sinalou a alcaldesa, Goretti Sanmartín, no seu discurso. Durante a cerimonia, outorgouse a distinción “Alba de Compostela” á presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, ao comerciante Xaquín Mato, á catedrática en Farmacoloxía Mabel Loza, e ao presidente do Foro Galego de Inmigración, e voluntario de Cáritas, Miguel Fernández.
A alcaldesa recordou no seu discurso a «Alba de Gloria» que Castelao pronunciou hai hoxe 76 anos en Bos Aires e no que evocou o repenique das campás da Catedral ante un «auditorio de emigrantes e persoas exiliadas que foron quen de imaxinar e sentir a música fermosa que, nese día de festa, se producía nunha terra á que, posibelmente, sabían que nunca máis regresarían».
Miguel Fernández Blanco, presidente do Foro Galego de Inmigración, portavoz da Plataforma polo Emprego e voluntario de Cáritas Interparroquial de Santiago, polo seu labor constante e continuado de acompañamento nos procesos de integración da poboación migrante, e pola súa contribución á loita pola dignificación das condicións laborais para todos os segmentos de poboación, con especial incidencia para os colectivos con máis dificultades para acceder ao mercado de traballo.
No seu discurso Miguel Fernández reivindicou que “debe aprobarse a iniciativa lexislativa de regularización xa”, e puxo o foco en “evitar que haxa persoas en situación de irregularidade administrativa” así como en evitar as mortes de emigrantes que tratan de chegar ás nosas costas. O presidente do Foro Galego de Emigración, que recibiu o galardón da man do voceiro socialista Gonzalo Muíños, non desaproveitou a ocasión para esixir “que remate o xenocidio en Gaza”.