Noticia

05 May

XORNADA  DE SOLIDARIEDADE COS PARADOS ORGANIZADA POR CÁRITAS SANTIAGO

Concentración o martes día 7 as 19 horas na praza do Toural de Santiago e mesa redonda para abordar a precariedade laboral

Un ano máis a solidariedade cos parados  sale a rúa da man  de Cáritas Interparroquial de Santiago que ten convocada unha concentración para as 19 horas do martes día 7, na praza do Toural de Santiago para achegar  vida e traballo, como anunciase na convocatoria. Posteriormente en dependencias do Colexio Maior San Agustín terá  lugar unha mesa redonda na que diversos especialistas analizarán o tema  da xornada.

O encontro reivindicativo ten como eixo de actuación na convocatoria as propostas presentadas no seu momento polas organizacións que integran Igrexa polo Traballo Decente , entre elas Cáritas, que defenden a redución do tempo de traballo como expresión do coidado das relacións laborais. Lembran as consecuencias na saúde das condicións de traballo, con especial atención ao impacto da sinistralidade laboral, as dificultades para conciliar a vida persoal e familiar e “a cada vez máis difusa barreira entre o tempo de traballo e o tempo de lecer”.

O arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández fixo pública unha carta pastoral na que insistía en que “non existe peor pobreza que aquela que priva do traballo e da dignidade do traballo. Por iso, debemos lembrar e reivindicar sempre a dignidade e os dereitos dos traballadores?. Desde Cáritas Interparroquial de Santiago únense tamén ao compromiso de favorecer “o coidado das persoas traballadoras, promovendo políticas que permitan unha conciliación real”, apoiando o diálogo social para lograr a redución do tempo de traballo.

 

 

 

 

.