Data: 27/04/2017

IR AO  SEU ENCONTRO

Chegou a Compostela despois de máis de 23 horas de voo. Durante o tempo que permaneceu entre nós lembrounos a necesidade de seguir traballando para conseguir un mundo con menos desigualdades e para que nunca nos esquezamos dos pobres. Pediunos que fósemos ao encontro da xente que sofre para ser parte da súa historia e permitir que as súas historias sexan parte da nosa.
O cardeal Luís Antonio Tagle, arcebispo de Manila e presidente de Cáritas Internationalis, é un home pequeno, cheo de mocidade e co sorriso sempre a flor de beizos. Fala con todo o mundo e nunca pon reparos para facerse con el unha fotografía. Teño que recoñecer que este home de marcados trazos filipinos e descendente de chineses causoume unha impresión tremenda e profunda pola súa gran proximidade. Falar con el hame reconfortado o longo traballo de tantos días para dar a coñecer o que é a Teoloxía da Caridade, buscando que as persoas sexamos conscientes de que entre todos debemos alcanzar o cambio de actitudes que necesitamos para avanzar nunha economía solidaria. Algo que nos repetiu durante a súa magnífica exposición o purpurado, un dos colaboradores máis próximos do Papa Francisco. As súas palabras fixéronme reflexionar cando deu a aldrabada pola falta de conciencia imperante ante os problemas que afectan aos excluídos, ?que obedece -lean con calma, merece a pena- en parte a que moitos creadores de opinión, medios de comunicación e centros de poder globalizados en poucas áreas urbanas están demasiado lonxe dos pobres e teñen pouco contacto cos seus problemas?.
O cardeal Tagle fíxome pensar moito para que cando nos achemos xunto aos pobres, aos desfavorecidos, aos últimos da sociedade, non debemos facelo desde unha posición de superioridade ou de forza, ?porque os pobres son capaces de ensinarnos valores dos que o sistema dominante carece?.
Os datos que achegou son demoledores. Fan referencia ao ano 2016: 8 persoas en todo o mundo eran tan ricas como a metade de toda a poboación do planeta, é dicir, 3.600 millóns de persoas. ?O que nos perturba?, dixo, ?é a idea de que toda esa riqueza, producida por tantos traballadores, non sexa distribuída equitativamente. Temos que reflexionar, se non estamos a participar desa situación coa nosa indiferenza?.
Recompondo as súas palabras no meu interior deime conta de que falamos de persoas. Non é unha cuestión de números: son seres humanos coas súas expectativas.
É necesario construír unha nova orde económica na relación coas persoas máis desfavorecidas onde primen os valores, eses valores que os pobres teñen e que gardan como un tesouro, lembrounos.
Estou totalmente convencido de que o desenvolvemento económico debe de ir da man do desenvolvemento de conceptos tan claros como o que vai desde o educativo e cultural ao social, do espiritual ao moral para que deste xeito o desenvolvemento humano sexa íntegro e auténtico. Todo iso lembroumo ese home pequeno, de eterno sorriso e dunha proximidade nas súas mans, nos seus ollos, nas súas palabras e na súa forma de ser que ata hoxe eu non coñecera.

Javier García Sánchez
Xornalista